mércores, 12 de maio de 2021

Arte Antiga: Pintura Romana

A pintura mural: orixes, técnica evolución

As primeiras noticias sobre a existencia de pinturas en Roma débense ás fontes textuais: Dionisio de Halicarnaso menciona a Gaio Fabio Pictor, quen tería pintado as paredes do templo de Salus a finais do s. IV a.e. Outras pinturas terían sido feitas naqueles tempos por artistas gregos.

Pero a pintura romana máis antiga conservada é un fresco da tumba dos Fabios, no Esquilino, datada ca. 300 a.e., de temática bélica, con escenas de guerreiros, ríxidos e pouco coloridos, loitando en diferentes rexistros superpostos, querendo representar episodios das Guerras Samnitas (veciños dos romanos con quen estiveron en guerra durante longo tempo).

Técnica: fresco. Sobre varias capas de morteiro e estuco (esta última de mármore e cal, segundo Plinio, o que lle concedería maior dureza) faise un bocexo e logo aplícanse as cores, mentres a última capa aínda está húmida, pra que as cores penetren na parede. O retoque posterior, sobre a superficie xa seca, denomínase a fresco secco. Cando as cores se disolven en ovo ou en cola, o resultado é o temple.

O lugar no que mellor se conservaron as antigas pinturas romanas foi, obviamente, Pompeia. A súa clasificación en 4 estilos remonta ao século XIX da man de August Mau, ocupando os dous primeiros parte do período republicano: o máis antigo remonta a finais do s. III e chega aos tempos de Sila (anos 80 a.e.) e o segundo estilo comeza a finais do s. II.

Iº estilo: ESTRUTURAL ou DE INCRUSTACIÓN, por asemellarse ao opus tectorium pétreo (imitación de recubrimento de placas de mármore e outras pedras de diferentes cores), distribuíndose sobre diferentes partes: zócalos, frisos, cornixas, ás veces tamén labrados en relevo, como na Casa Samnita de Herculano, e vemos tamén na Villa dos Misterios de Pompeia.
Trátase dunha decoración que imita perpiaños ("sillares") isodómicos, coñecido xa en casas atenienses do s. V, estendéndose logo por todo o mundo helenístico ata chegar a Roma.
A finais do s. II prodúcese a transicións cara ao
IIº estilo: ILUSIONISMO ARQUITECTÓNICO, superpoñendo elementos de arquitectura aparentes sobre paredes de "incrustación".
Temos exemplos destes dous estilos na Villa dos Misterios de Pompeia

Estilo I. Estrutural ou de Incrustacións

Como dixemos, simula o uso de opus tectorium empregado na arquitectura ("recubrimiento decorativo con placas de pedra, pintura, estuco ou mosaico, empregado para ocultar os elementos estructurais dos  muros").



Villa Ariadna, Estabia (6 km de Pompeia)


Estilo II. Arquitectónico ou Ilusionista


Introduce arquitecturas pintadas nas paredes para dar sensación de amplitude mediante a perspectiva, ou abrindo porta e xanelas a un exterior simulado. 






A todos estes rccursos súmanse as megalografías: inclusión de grandes escenas de imaxes figuradas a tamaño natural, como a de iniciación que dá nome á Villa dos Misterios —entendendo «misterios» como coñecemento reservado aos iniciados en certas crenzas relixiosas, neste caso, no culto a Dionisos-Baco:
«29 figuras humanas y divinas comparten un escenario de preparación de un banquete nupcial en el marco de una iniciación a los cultos de baco, entre los que están presentes los miembros de la familia propietaria de la villa, junto a sátiros, silenos, ménades, paniscos y el mismo Dioniso-Baco»)





Neste estilo as pinturas simulan estruturas ou elementos que dan sensación de amplitude, botando man da perspectiva, con fieiras de columnas, abrindo ventás a un exterior axardinado, etc, e emprega ademais elementos decorativos como cortinas, escudos, animais fantásticos (ver, por exemplo, a Villa de Popea en Oplontis, que parece ter pertencido á familia de Sabina Popea, a segunda muller de Nerón). Con este estilo entramos xa en período imperial, no reinado de Augusto.





Tumba Cestius
Dende as últimas décadas da República (s. I a.e.) a decoración interior pintada se encontra xa xeneralizada, tanto en edificios públicos como en residencias de luxo. Dende o reinado de Augusto  (27 a.e.) impúxose unha nova moda parietal: o II estilo pompeiano ou do ilusionismo arquitectónico dá paso ao chamado III estilo coas decoracións das casas de Augusto e Livia no Palatino. 

Estilo III. Ornamental (e dos «candelabros») 

Entre os testemuños máis antigos están as pinturas da tumba-pirámide de C. Cestius (Roma), datables entre os anos 18-12 a.e.
Os motivos pictóricos dispóñense ao longo da parede en espazos horizontais e verticais. A zona principal da parede adoita estar dividida en espazos planos, cunha imaxe central, xeralmente vista paisaxística ou tema mitolóxico.

Máis representativa é a Villa da Farnesina da familia imperial (ca. anos 20 a.e.). A pintura arquitectónica perde realismo, e os elementos sustentantes non semellan columnas senón soportes metálicos (de aí o nome de «estilo de candelabros»).
«candelabro», Villa Agrippa, Boscotrecase
Villa Farnesina
O tema central das paredes das casas da familia imperial consiste nun edículo ou templete que presenta no interior un cadro figurativo, con escenas de paisaxe ou tema mitolóxico. O conxunto das paredes simula unha galería de cadros baixo estruturas arquitectónicas sobre cuxas cornixas aparecen todo tipo de pequenos detalles pintados: acróteras, estatuas, recipientes, adornos colgantes, trípodes, máscaras teatrais, ademais de aves e diversos motivos vexetais (grutescos).
Estilo III, Villa Farnesina


Villa Livia en Prima Porta acabará parecendo toda ela un xardín, ao representarse todo tipo de árbores, grilandas, parterres con flores, plantas trepadoras, etc. (ver
aquí


O Estilo III abandona, pois, as grandes representacións arquitectónicas para centrarse nos motivos decorativos (putti ou pequenos cupidos espidos -«amorcillos»-, grilandas, animaliños, etc., que pasarán ao Renacemento co nome de grutesco [de aí grotesco] tras o descubrimento das pinturas da Domus Aurea de Nerón, que permanecían baixo terra (como «en gruta»).  

A decoración da Villa de Boscotrecase, preto do Vesubio, fixo que a nova moda se estendese ás casas pompeianas, de maneira que o estilo estivo vixente dende o ano 20 a.e ata o 40 d.e., destacando entre todas as pinturas conservadas tamén as da Casa dos Vetii en Pompeia.

Villa de Agrippa de Boscotrecase

Polifemo (tema mitolóxico)




Estilo IV. Estilo fantástico (ou «Ilusionismo teatral»)

Na década dos 40 impúxose unha nova moda dende as paredes da Domus Transitoria de Nerón no Palatino. É o IV estilo pompeiano, no que se misturan os motivos de todos os demais estilos anteriores. 
Esquemas compositivos:
- paneis enmarcados por tapices e cortinas
combinación de escenas con paneis lisos
- simulación da scaenae frons —fronte escénica— dun teatro (cos seus pisos, con portas, cortinas, telóns e as máscaras dos actores). 
Mantéñense os elementos arquitectónicos propios do IIIº Estilo, ao que se engaden unha serie de fantasías, grilandas, cortinas, telóns, máscaras, ademais de escenas mitolóxicas e históricas, dándolle ao conxunto un marcado carácter teatral. Moitas veces a parte inferior decórase coas características placas do Estilo I. 
Este estilo perviviría ata os tempos de Traxano 

Ningún comentario:

Publicar un comentario